AGAPEMA pide que sexa posible usar a calculadora nas probas de avaliación diagnóstica

SOLICITUDE DE USO DA CALCULADORA NAS PROBAS OFICIAIS RELACIONADAS CO ENSINO SECUNDARIO

A asociación de profesores de matemáticas (AGAPEMA) solicita da administración educativa competente a clarificación sobre o uso da calculadora nas distintas probas oficiais convocadas pola Consellería de Educación.

A consulta refírese, de xeito máis concreto, á permisividade do seu uso na proba de avaliación de diagnóstico convocada na resolución do 3/12/2010, e tamén na próxima probas de acceso a ciclos de Grao Medio.

AGAPEMA agarda que a resposta sexa afirmativa, e aporta algúns argumentos referidos ao curso de 2º de ESO nos seguintes parágrafos.

O Decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 13 de xullo de 2007) indica no seu obxectivo nº 5 que é preciso “ … Utilizar de forma adecuada os distintos medios tecnolóxicos (calculadoras, ordenadores, etc.) para realizar cálculos numéricos ou alxébricos,comprobar propiedades xeométricas, buscar, tratar, representar e transmitir informacións de índole diversa e como axuda na aprendizaxe”

Así mesmo, no bloque de contidos de primeiro curso podemos ler “… Utilización de ferramentas tecnolóxicas para facilitar os cálculos de tipo numérico, alxébrico ou estatístico, as representacións funcionais e a comprensión de propiedades xeométricas”. No Bloque de números, tamén de primeiro curso pídese a “ .. Elaboración e utilización de estratexias persoais para o cálculo mental, para o cálculo aproximado e con calculadoras”.

Poderíamos continuar enumerando distintos parágrafos de tódolos cursos de secundaria nos que se pide explicitamente o coñecemento e uso axeitado desta ferramenta, que tamén debe ser avaliado. Se non se pode empregar a calculadora na proba o profesor se decantará pola non utilización desta nas clases, caendo nunha contradición respecto das recomendacións do Decreto.

Un razoamento similar pódese ver no informe PISA 2009, Key competencies in reading, mathematics and science[1].A política de PISA é permitir aos estudantes usar a calculadora na proba si é o que fan habitualmente na aulapara non prexudicalos.

No noso caso estamos a dar un paso importante cara á introdución de ferramentas tecnolóxicas e á modernización do ensino co proxecto ABALAR. Parece lóxico que si os nenos de 1º están a manexar un miniportátil, os de 2º deben, polo menos, empregar unha calculadora. Isto favorecerá o desenvolvemento da proba, e axudará á motivación dos alumnos, xa que a referencia que temos do ano 2009 é que non remataron algúns dos problemas por estar cansos de facer contas con decimais.

Finalmente, ao non existir unanimidade á hora de decidir as ferramentas que se empregan nas probas  nas distintas autonomías (nalgunhaspermitiuse o uso de calculadora e noutras non), os resultados quedan desvirtuados, e desfavorecen aos alumnos galegos.


[1] Aids and tools

PISA policy allows students to use calculators and other tools as they are normally used in school.

This represents the most authentic assessment of what students can achieve, and provides the most informative comparison of the performance of education systems. A system’s choice to allow students to access and use calculators is no different, in principle, from other instructional policy decisions that are made by systems and are not controlled for by PISA.

Students who are used to having a calculator available to assist them in answering questions would be disadvantaged if this resource were taken away. http://www.oecd.org/dataoecd/11/40/44455820.pdf

Resposta da Consellería

Resposta da Consellería sobre as probas de acceso a ciclos de Grao Medio